miércoles, 29 de abril de 2020

As teorías éticas.

1. As teorías éticas.


1.1.Elementos comúns das teorías éticas

As distintas teorías éticas forman parte da filosofía moral ou ética, e a filosofía é a busca da verdade. Pero a verdade non é patrimonio de ninguén e cada un úscaa desde distintas perspectivas.

Na diversidade de teorías éticas inflúen varios factores: diferenzas de enfoque ou de metodoloxía utilizada, importancia que se lle dea a uns aspectos ou a outros...; non obstante, entre todas ellas hai certa complementariedade.

Algúns destes aspectos que se poden atopar nas diferentes éticas son:

a) As teorías éticas dannos razóns de por que os seres humanos teñen que comportarse moralmente.

b) Todas ellas identifican obrar correctamente coa vida boa (vida feliz, realización do ser humano, vida plena...)

c)Dan resposta ao que moralmente se entende polo bo, polo fin do ser humano. Tratan de determinar como se produce o coñecemento moral.

d)Establecen unha relación dos medios que hai qie utilizar en relación co fin.

e)As teorías éticas utilizan a racionalidade como o seu criterio fundamental.

O estudo das distintas teorías éticas seranos útil para entender mellor que é a ética e para ter en conta aspectos ata agora descoñecidos ou insuficientemente considerados na nosa vida moral cotiá.


1.3.Ética e relixión.

As teorías éticas diferéncianse doutro tipo de de saberes prácticos como son as relixións. Aínda que unhas e outras tratan de orientar a nosa existencia, fano de modo diferente.

Os mandatos morais da maioría das relixións deben ser cumpridos non porque sexan racionais, senón por ser a vontade de Deus, aínda que tamén poden ser razoables.

De todos os xeitos, as relacións entre ética e relixión son frecuentes e van en dobre dirección.



2.Éticas materiais e éticas formais.

2.1.Éticas materiais.

Aínda que existe unha gran diversidade entre as diferentes escolas morais, algunhas teñen un maior parecido entre si que nos permite agrupalas en modalidades diferentes e que nos axudará a orientarnos e a reflexionar sobre ellas. Así, na historia da ética adóitase distinguir entre dous grupos claramente diferenciados: as éticas materiais e as éticas formais.

-Ética material é aquela que propón un obxectivo concreto como fin da vida humana, xa sexa o pracer, a felicidade, o útil...
<<Materiais>> aquí indica que teñen unha materia, é dicir, que establecen que un comportamento é correcto se se consegue algo concreto que experimentamos como bo ou desexable.

-Éticas formais. Independientemente de que as persoas persigan un fin ou outro, de que desexen unha ou outra cousa, para estas éticas os nosos actos poden ser considerados morais ou non só se teñen unha <<forma>> determinada, se se realizan co característico que os fai <<formalmente>> morais.

As éticas formais, a diferenza das materiais, non nos propoñen ningún fin ou contido concreto que deberiamos conseguir na nosa vida. Están baleiras de contido. Só nos indicarán o que fai moral ou inmoral a nosa acción.


-A que tipo de ética cres que corresponde un mandato deste tipo: <<Debes cumprir co teu deber>>? Razoa a túa resposta.

miércoles, 22 de abril de 2020

Argumentos contra a intolerancia

1.A intolerancia.
Ao longo da historia é frecuente que os sers humanos resolvan os seus conflitos mediante a forza. As ameazas, as agresións e mesmo as guerras son acontecementos moi habituais.

Máis alá da agresividade propia de moitas especies animais, os seres humanos podemos relacionarnos entre nós de maneira moi diversas: desde o amor e o respecto ata o odio brutal.

Hai persoas que, por uns ou outros motivos, non soportan e rexeitan outras ou certas actitudes, que non son capaces de entender nin de aguantar que outros pensen ou actúen dun xeito co que non están de acordo. Nisto consiste a intolerancia.

2 A intolerancia relixiosa.
É un dos exemplos máis comúns e está asociado a prexuízos terribles.

3.O racismo
Outro dos factores que máis destacou como escusa para as condutas discriminatorias e intolerantes é o racismo. As guerras e as persecucións entre pobos abundan na historia humana.
Exemplos: Holocausto e o apartheid. No primeiro, os nazis propuxéronse exterminar os xudeus europeos. No segundo os brancos surafricanos marxinaron de xeito cruel todos aqueles que pertencesen a outra raza, distinguindo mesmo categorías na discriminación: ou mulatos (<<de cor>>) podían ter algúns dereitos máis que os negros.

Na historia española tamén hai exemplos, como os que tiveron lugar durante a conquista de América, aínda que é xusto lembrar que foi en España onde se alzaron as voces máis rigorosas e autorizadas argumentando en contra dese racismo, como son os casos de Francisco de Vitoria ou Bartolomé de las Casas.

4.A tolerancia na Ilustración.
A necesidade de argumentar sobre as nosas posicións e opcións morais e ideolóxicas non só é unha cuestión entre individuos que discuten ou dialogan, senón que ten tamén un carácter político e histórico

Os autores ilustrados defenderon o valor do debate racional como medio para superar os prexuizos e a intolerancia. Neste sentido, podemos destacar o papel do filósofo francés Voltaire, quen defendeu ardentemente as vantaxes da tolerancia, en particular en materia de relixión.

A época da Ilustración supuxo un cambio a favor da tolerancia política e relixiosa, ao tempo que significou unha crítica implacable dos medios inhumanos para impoñer a verdade.

Os ilustrados defenderon que toda conciencia é libre para pensar e crer, polo que a única forma de respectar esa liberdade é asumindo as liberdades de expresión e de crenzas.


  • Define tolerancia e explica por que é importante, tanto na vida persoal como na vida pública.
  • Buscade nos medios de comunicación impresa ou dixital unha información sobre casos recentes de intolerancia relixiosa ou de racismo

miércoles, 15 de abril de 2020

Bos días!!!
Logo destes días de descanso, volvemos ao ataque!!
Tamén recordar aos que lles falta algo por entregar que aínda estades a tempo.
Recórdovos que os exercicios que vos mando facer son para entregalos a semana seguinte.
Un cidadán educado
1.Vivir nunha sociedade plural.

A diferenza do que acontece nas sociedades pechadas e autoritarias, nas nosas socieades democráticas (abertas ao coñecemento ou ás influencias doutras culturas e civilizacións polo influxo das correntes migratorias, os medios de comunicación e as redes sociais) vivimos rodeados de persoas con distintos valores e concepcións morais, diferentes modos de vida e crenzas relixiosas ou filosóficas diversas. A nosa sociedade é unha sociedade pluralista.

O pluralismo formula dificultades e, ás veces, é fonte de prexuízos e provoca discriminacións, pero é tamén enriquecedor. No seu aspecto político, a posibilidade de que existan diferentes ideoloxías e partidos é un dos dereitos humanos fundamentais.

Non podemos esquecer que unha sociedad completamente homoxénea é inviable, prexudicial para a propia dinámica da sociedade e, ademais, un ideal antidemocrático que quedou derrotado co nacionalsocialismo (Hitler e nazismo) na Segunda Guerra Mundial.


2.Pluralismo e valores éticos.
Nas nosas sociedades pluralistas non sería posible a convivencia se non compartísemos algúns valores entre todos os cidadáns.

Imaxinade un país no que existe unha influente comunidade de persoas vexetarianas convencidas; é dicir, que consideran o consumo de carne algo reprobable moralmente por basearse no sacrificio de animais e, polo tanto, pensasen que todos os demais deberían compartir ese valor. Agora ben, outra parte da sociedade con menos poder non comparte esa formulación e reclama o seu dereito a consumir carne. Se non houbese outros valores que ambos os dous grupos compartisen, sería posible que convivisen na mesma sociedade?

As diferenzas de valores e de modos de vida son unha riqueza das democracias e favorecen o seu dinamismo, pero por si soas provocarían conflitos continuamente; por iso son necesarios valores comúns compartidos que fagan de vínculo real, afectivo e emociaonal entre os cidadáns e faciliten as relacións mutuas reciprocamente beneficiosas entre as diferentes comunidades dunha sociedade. Eses valores comúns compartidos son os valores cívicos.

3.Convivencia cidadá
Significa isto que non podemos ter uns valores que non sexan comúns a todos os membros da sociedade? Non existe o dereito a ser diferentes? Precisamente un dos problemas que teñen que resolver as sociedades democráticas é a integración das comunidades que teñen valores distintos ou non compartidos pola maioría.

Algúns filósofos, sociólogos ou expertos en relacións sociais propoñen un criterio que guíe a relación entre os diferentes valores que conviven nunha sociedade pluralista: os valores compartidos mínimos deben coexistir cos valores diferenciais máximos.

Segundo ese criterio, os valores nos que se basea a nosa convivencia, os valores cívicos, son o mínimo esixible a calquera grupo ou individuo por ser cidadáns dunha sociedade democrática, como, por exemplo, a tolerancia, mentres que os valores que nos distinguen dos demais non se lle poden esixir ao resto de cidadáns, aínda que se poden propoñer para unha aceptación libre; por exemplo, cada cal pode ter as crenzas relixiosas que queira sempre que sexan compatibles cos dereitos humanos

Non obstante, para conseguir unha relación intercultural entre grupos con diferentes valores e non quedar nunha simple coexistencia pacífica entre guetos requírese vontade política de achegamento e fortaleza moral para coñecer os diferentes.


- Coñeces algunha outra cultura que viva na vosa contorna? Tes amigos doutras culturas? Sabes algo da súa cultura

miércoles, 1 de abril de 2020

Valores éticos e valores cívicos

1. Os valores éticos.
Os valores éticos son os máis importantes na vida, porque guían as nosas relacións, directas e indirectas, coas demais persoas, orientan as nosas acción e impúlsannos a ser humanamente mellores, axudándonos a elixir como queremos ser e que debemos facer.

Son valores que están presentes en todas as ordes da vida privada e pública, individual e social, e neles baséanse as normas que regulan a nosa convivencia, sen as que non poderiamos vivir.

Os calores éticos reciben tamén o nome de valores sociais cando son valores que una determinada comunidade considera importantes para o seu funcionamento harmónico e para a felicidade de todos os seus membros; por exemplo, a cortesía, a confianza, a alegría ou a amizade.

A partir da Idade Moderna, no s. XVII, na que se produce unha progresiva división e separación entre o individuo e a sociedade, tamén se establece unha diferenza entre os valores, ideais e intereses da sociedade e os do individuo.

Nesa diferenciación podemos atopar a orixe da distinción actual entre valores éticos e valores cívicos. Os valores éticos serían as normas que dirixen o comportamento do individuo na súa relación directa coas persoas e os valores cívicos serían aqueles que se le piden como membro dunha sociedade civil, democrática.


2. Os valores cívicos.
Os valores cívicos pódense considerar como unha extensión dos valores éticos á nosa vida actual nun Estado democrático.

Na época clásica de Grecia e de Roma non existía unha diferenza entre valores éticos e valores cívicos. Por exemplo, para Aristóteles, as virtudes éticas ou morais pertencen á actividade na vida pública, pois a participación nos asuntos políticos, da polis, era o que facía que o individuo fose considerado un cidadán.

A prudencia, a xustiza, a temperanza e a fortaleza eran virtudes éticas, pois adquirían o seu valor en relación coa sociedade; é decir, baseábanse nos valores cívicos.

Na actualidade adóitanse entender por valores cívicos aquelas actitudes, ideais e crenzas que promoven unha participación democrática activa e o compromiso coa convivencia dos cidadáns.

Son exemplos de valores cívicos, entre otros: o cumprimento das leis; o coidado e o respecto polo público; as posturas activas en favor da igualdade, en xeral, e de xénero, en particular; o diálogo e o pacifismo como método de resolución de conflitos; a participación cidadá e a tolerancia; a responsabilidade social na nosa actividade profesional e persoal; a solidariedade efectiva cumprindo as nosas obrigas fiscais.

Todos estes valores recóllense na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e nas constitucións democráticas.


3. A sociedade civil.
Nun Estado moderno coexisten dous tipos de realidades sociais:

A) As institucións que son a expresión do poder político, como o Goberno, o Parlamento, os gobernos rexionais, os concellos, os xulgados, o Exército…

B) As institucións creadas polos cidadáns no exercicio da súa liberdade de asociación: partidos políticos, asociación de vecinos, sindicatos, ONG, comunidades relixiosas, clubs deportivos...

Estas institucións son independentes, xeralmente non teñen carácter lucrativo e fórmase polo interese de cidadáns de realizar uns obxectivos, intereses ou ideas no ámbito público. Isto é o que chamamos sociedade civil.


Exercicio.
Explica a relación e a diferenza entre os valores éticos e os valores cívicos.